Thursday, November 21, 2013

Texto descritivo 2- 1ª avaliación 4º ESO

Texto B

"A princesa Auda"

     O seu pelo resplandecente, perfectamente dividido en dúas partes, enmarca os harmoniosos contornos das súas meixelas, delicadas e brancas, brillantes a forza de tesura e louzanía. As súas cellas de ébano teñen a forma e a forza do arco de Kama, deus do amor, e baixo as súas longas e sedosas pestañas, nas negras pupilas dos seus grandes e límpidos ollos, nadan, como nos lagos sagrados do Himalaia, os máis puros reflexos da luz celestial. Delicados, iguais e brancos, os seus dentes resplandecen entre os seus labios sorrintes como as gotas do orballo na corola entreaberta dunha flor de granado. As súas preciosas orellas de simétricas curvas, as súas mans rosadas, os seus peíños arqueados e tenros como os brotes do loto, brillan co fulgor das perlas máis belas de Ceilán e dos máis belos diamantes de Golconda. A súa fina e delicada cintura, que se pode rodear cunha soa man, realza o elegante arco das súas redondeadas cadeiras e a riqueza do seu busto, no que a xuventude en flor desprega os seus máis perfectos tesouros e, baixo os sedosos pregos da súa túnica, parece ser esculpida en prata pura pola divina man de Vicvacarma, o divino escultor.

Jules Verne
A volta ao mundo en oitenta días, Xerais

COMENTARIO LITERARIO:

+Plano do contido:

TEMA: Auda, unha preciosa princesa de conto.

ARGUMENTO: A descrición da princesa Auda comeza mencionando pormenorizadamente partes da súa espléndida cabeza con referencia especial ao seu rostro. Son a zona ocular e bucal as áreas debuxadas con maior detalle e a continuación baixa a súa atención ás extremidades rematando no torso magnífico da muller.

Personaxes:

O personaxe único é a muller chamada Auda. Unha princesa oriental polas referencias aparecidas no fragmento, chea de beleza e harmonía corporal. Semella un ser perfecto, caracterizado cunha ampla gama de adxectivos e símiles que fermosean aínda máis o que podería ser a súa real fermosura. Por varias alusións textuais resulta ser unha muller nova”a forza de tersura e louzanía”(l.4),”no que a xuventude en flor”(l.19).



Espazo e tempo: O tratamento do espazo e o tempo é irrelevante. Aínda que sustentarían a localización asiática e polo tanto exótica ( ante ollos occidentais) da protagonista varios topónimos e antropónimos presentes no fragmento con esa procedencia.



+Plano da forma:
Caracterizadores relevantes:

O percorrido visual comeza no cabelo da protagonista, menciónase o seu brillo e tipo de peiteado resplandecente, perfectamente dividido en dúas partes…”(l.1-2) o que lle aporta viveza e coidado no aspecto, pásase ao rostro parando nas meixelasdelicadas e brancas, brillantes(l.3-4) con certo interese no detalle pois son o representante da pel no seu conxunto e reflicten a xuventude e frescura da moza. A zona dos ollos é especialmente importante polo detallismo con que se afronta (6 liñas de espazo), o primeiro aspecto anotado son as cellas, cuxo arco e cor son descritas a través de metáforas cheas de forza estética. A continuación as pestanas e os ollos aparecen caracterizados con dobre adxectivación anteposta “longas e sedosas pestanas”, “negras pupilas dos seus grandes e límpidos ollos”(l.6-7).Cun símil ou comparación cheo de altisonancia e hiperbólica intención enfatizadora pecha esta zona facialcomo nos lagos sagrados do Himalaia, os máis puros reflexos da luz celestial”(l.8-9).
“Delicados,iguais e brancos, os seus dentes resplandecen”(l.9-11) así son presentados os seus dentes dunha forma “convencional”, resaltando características positivas inherentes a esta parte da boca. Orellas,pequenos pés”peíños”(l.14) e mans destacan na final sinfonía de exaltación da perfecta beleza da princesa, adxectivación recargada cunha preferencia absoluta pola proclise para enfatizar cada rasgo e destacar a impresionante perfección da princesa. Aparece algún caso de cualificación máis abstracta e conceptual”cellas de ébano”(l.4) e incluso combinada coa adxectivación “as súas preciosas orellas de simétricas curvas”(l.12-13). Os períodos sintácticos prolónganse cheos de elementos caracterizadores que abruman o lector con tan enorme carga expresiva.[véxanse 4 últimas liñas]

Na temporalidade verbal apuntamos o destacado e exclusivo uso do presente de indicativo”enmarca, teñen, nadan, resplandecen”, tempo neutral neste caso moi apropiado neste tipo de textos.

Sunday, November 17, 2013

A descrición. Comentario 1. Curso académico 2013-2014.

Texto 1 (Curso 13-14) 4º ESO
De non ser polas súas pernas non tería pasado nada. Ou ao mellor si. Pero non a min, xa sería a calquera outro e eu leríao no xornal.
Sentara no banco que estaba diante da parada do autobús coas pernas cruzadas, sacudía o seu zapato, seguramente para tirar unhas areas que lle deberan entrar ao andar pola rúa. Nunca eu vira pernas tan fermosas. Nin uns xeonllos tan ben feitos.
Logo, cando se aproximou, puiden comprobar que non me equivocara. Levaba unhas saia curta, máis ben axustada, e o seu corpo era digno das extremidades que mostraba con tanta xenerosidade. O seu ventre era plano, de adolescente, o que poñía máis de relevo as súas voluptuosas cadeiras que, logo de se prolongar nunhas coxas que se adiviñaban longas e nerviosas, morría nun fino van. Máis arriba, os seus seos enchían a blusa branca que contrastaba co seu rostro moreno, iluminado por uns ollos inmensos e maliciosos.
Eu estaba enfeitizado. Asomou un sorriso nos seus beizos cando o autobús chegaba. Situeime xusto detrás súa, os ollos fixos nos seus cabelos curiosamente despeiteados, á moda.
 
Comentario literario
+ Plano do contido:
Tema:
 A enfeitizadora estampa dunha fermosa muller.
Argumento:
 O encontro cunha muller, na parada de autobús, deixa impactado ao narrador que vai describindo algunhas partes do corpo feminino comezando coas súas pernas e chegando aos seos e ollos. Ao final, o narrador admite estar prendado desta muller da que non é quen de apartar a mirada.
Personaxes
 O narrador é un varón de idade indefinida que coincide no tempo e no espazo coa personaxe principal. Descubrimos o seu xénero polo indefinido“outro“(liña 2) e un adxectivo na recta final do texto“enfeitizado“(l.18)que define claramente o estado emocional do narrador durante toda a escena.

A muller, moza probablemente polo aspecto xuvenil e pola súa frescura e unha certa naturalidade nos xestos“...sentara no banco...coas pernas cruzadas...sacudía o seu zapato...(l.4-6). Aparece esta figura feminina marcada polo esplendor das súas pernas, xeonllos e coxas o que a distingue da maioría das féminas e a singulariza pola rara harmonía destas extremidades no“ser“feminino.
A través da adxectivación valorativa reálzase esta cualidade pouco común con intensificadores“pernas tan fermosas...nin xeonllos tan ben feitos...Nunca eu vira...“(l.7-8)ou ben acódese á dobre adxectivación para atribuír rasgos específicos a unha parte das extremidades inferiores-tan dificilmente“visibles“ na muller normal“ nunhas coxas que se adiviñaban longas e nerviosas“(l.14). Só un órgano facial tan universalmente valorado como son os ollos é tamén caracterizado coa dobre e enfática adxectivación“Uns ollos inmensos e maliciosos“(l.16-17). Esta segunda atribución parece desexar descubrirnos a cualidade nesta muller de sentirse poderosa, segura do seu corpo e da capacidade magnética que este ten. Tamén deixa entrever a súa experiencia en saber ler o influxo que posúe sobre a mirada masculina xenérica. O resto dos apartados descritivos confirman a tremenda imaxe erotizada da moza: pola vestimenta“saia curta, máis ben axustada“(l.10),por partes do corpo sempre asociadas coa feminidade plena:“ventre plano,voluptuosas cadeiras...fino van“(l.12-15). A mirada descritora ascende cara aos seos coa sutil referencia ao seu tamaño suxerente“os seus seos enchían a blusa branca“(l.15-16). A pel, a súa cor ten o seu espazo na breve anotación“o seu rostro moreno“(l.16) aportando frescura, aire estival e natural beleza na nosa cultura.
[ O espazo e o tempo narrativos son irrelevantes neste texto]
+ Plano da forma:
Predomina a adxectivación valorativa. O texto é unha prosopografía dunha espectacular moza(ante os ollos do narrador) e todos os cualificadores argumentan esa visión“perfecta“ que ten quen a describe.Xa se comentaron arriba os elementos máis relevantes para este apartado.
A temporalidade verbal esixida pola carga narrativa previa á descrición(da que non somos partícipes neste anaco textual)sitúa a escena nun momento no pasado con respecto ao referente actual desde o que se narra, por iso, os tempos predominantes son o copretérito“sacudía o seu zapato“(l.5);“levaba unha saia curta“(l.10);“o seu corpo era digno“(l.11)“que se adiviñaban“(l.14);
Contrastaba“(l.16);“Eu estaba enfeitizado“(l.18). O valor prolongativo e durativo deste tempo verbal adecúase moi ben á natureza descritiva do fragmento e á vitalidade narrativa lógrase ao combinalo con pretéritos e antepretéritos cos seus matices puntuais e rápidos:“cando se aproximou“(l.9);“asomou un sorriso“ (l.18)..............................................E para comezar este ano a práctica do comentario podería ser suficiente. [ Continuaremos].