Thursday, November 21, 2013

Texto descritivo 2- 1ª avaliación 4º ESO

Texto B

"A princesa Auda"

     O seu pelo resplandecente, perfectamente dividido en dúas partes, enmarca os harmoniosos contornos das súas meixelas, delicadas e brancas, brillantes a forza de tesura e louzanía. As súas cellas de ébano teñen a forma e a forza do arco de Kama, deus do amor, e baixo as súas longas e sedosas pestañas, nas negras pupilas dos seus grandes e límpidos ollos, nadan, como nos lagos sagrados do Himalaia, os máis puros reflexos da luz celestial. Delicados, iguais e brancos, os seus dentes resplandecen entre os seus labios sorrintes como as gotas do orballo na corola entreaberta dunha flor de granado. As súas preciosas orellas de simétricas curvas, as súas mans rosadas, os seus peíños arqueados e tenros como os brotes do loto, brillan co fulgor das perlas máis belas de Ceilán e dos máis belos diamantes de Golconda. A súa fina e delicada cintura, que se pode rodear cunha soa man, realza o elegante arco das súas redondeadas cadeiras e a riqueza do seu busto, no que a xuventude en flor desprega os seus máis perfectos tesouros e, baixo os sedosos pregos da súa túnica, parece ser esculpida en prata pura pola divina man de Vicvacarma, o divino escultor.

Jules Verne
A volta ao mundo en oitenta días, Xerais

COMENTARIO LITERARIO:

+Plano do contido:

TEMA: Auda, unha preciosa princesa de conto.

ARGUMENTO: A descrición da princesa Auda comeza mencionando pormenorizadamente partes da súa espléndida cabeza con referencia especial ao seu rostro. Son a zona ocular e bucal as áreas debuxadas con maior detalle e a continuación baixa a súa atención ás extremidades rematando no torso magnífico da muller.

Personaxes:

O personaxe único é a muller chamada Auda. Unha princesa oriental polas referencias aparecidas no fragmento, chea de beleza e harmonía corporal. Semella un ser perfecto, caracterizado cunha ampla gama de adxectivos e símiles que fermosean aínda máis o que podería ser a súa real fermosura. Por varias alusións textuais resulta ser unha muller nova”a forza de tersura e louzanía”(l.4),”no que a xuventude en flor”(l.19).



Espazo e tempo: O tratamento do espazo e o tempo é irrelevante. Aínda que sustentarían a localización asiática e polo tanto exótica ( ante ollos occidentais) da protagonista varios topónimos e antropónimos presentes no fragmento con esa procedencia.



+Plano da forma:
Caracterizadores relevantes:

O percorrido visual comeza no cabelo da protagonista, menciónase o seu brillo e tipo de peiteado resplandecente, perfectamente dividido en dúas partes…”(l.1-2) o que lle aporta viveza e coidado no aspecto, pásase ao rostro parando nas meixelasdelicadas e brancas, brillantes(l.3-4) con certo interese no detalle pois son o representante da pel no seu conxunto e reflicten a xuventude e frescura da moza. A zona dos ollos é especialmente importante polo detallismo con que se afronta (6 liñas de espazo), o primeiro aspecto anotado son as cellas, cuxo arco e cor son descritas a través de metáforas cheas de forza estética. A continuación as pestanas e os ollos aparecen caracterizados con dobre adxectivación anteposta “longas e sedosas pestanas”, “negras pupilas dos seus grandes e límpidos ollos”(l.6-7).Cun símil ou comparación cheo de altisonancia e hiperbólica intención enfatizadora pecha esta zona facialcomo nos lagos sagrados do Himalaia, os máis puros reflexos da luz celestial”(l.8-9).
“Delicados,iguais e brancos, os seus dentes resplandecen”(l.9-11) así son presentados os seus dentes dunha forma “convencional”, resaltando características positivas inherentes a esta parte da boca. Orellas,pequenos pés”peíños”(l.14) e mans destacan na final sinfonía de exaltación da perfecta beleza da princesa, adxectivación recargada cunha preferencia absoluta pola proclise para enfatizar cada rasgo e destacar a impresionante perfección da princesa. Aparece algún caso de cualificación máis abstracta e conceptual”cellas de ébano”(l.4) e incluso combinada coa adxectivación “as súas preciosas orellas de simétricas curvas”(l.12-13). Os períodos sintácticos prolónganse cheos de elementos caracterizadores que abruman o lector con tan enorme carga expresiva.[véxanse 4 últimas liñas]

Na temporalidade verbal apuntamos o destacado e exclusivo uso do presente de indicativo”enmarca, teñen, nadan, resplandecen”, tempo neutral neste caso moi apropiado neste tipo de textos.

Sunday, November 17, 2013

A descrición. Comentario 1. Curso académico 2013-2014.

Texto 1 (Curso 13-14) 4º ESO
De non ser polas súas pernas non tería pasado nada. Ou ao mellor si. Pero non a min, xa sería a calquera outro e eu leríao no xornal.
Sentara no banco que estaba diante da parada do autobús coas pernas cruzadas, sacudía o seu zapato, seguramente para tirar unhas areas que lle deberan entrar ao andar pola rúa. Nunca eu vira pernas tan fermosas. Nin uns xeonllos tan ben feitos.
Logo, cando se aproximou, puiden comprobar que non me equivocara. Levaba unhas saia curta, máis ben axustada, e o seu corpo era digno das extremidades que mostraba con tanta xenerosidade. O seu ventre era plano, de adolescente, o que poñía máis de relevo as súas voluptuosas cadeiras que, logo de se prolongar nunhas coxas que se adiviñaban longas e nerviosas, morría nun fino van. Máis arriba, os seus seos enchían a blusa branca que contrastaba co seu rostro moreno, iluminado por uns ollos inmensos e maliciosos.
Eu estaba enfeitizado. Asomou un sorriso nos seus beizos cando o autobús chegaba. Situeime xusto detrás súa, os ollos fixos nos seus cabelos curiosamente despeiteados, á moda.
 
Comentario literario
+ Plano do contido:
Tema:
 A enfeitizadora estampa dunha fermosa muller.
Argumento:
 O encontro cunha muller, na parada de autobús, deixa impactado ao narrador que vai describindo algunhas partes do corpo feminino comezando coas súas pernas e chegando aos seos e ollos. Ao final, o narrador admite estar prendado desta muller da que non é quen de apartar a mirada.
Personaxes
 O narrador é un varón de idade indefinida que coincide no tempo e no espazo coa personaxe principal. Descubrimos o seu xénero polo indefinido“outro“(liña 2) e un adxectivo na recta final do texto“enfeitizado“(l.18)que define claramente o estado emocional do narrador durante toda a escena.

A muller, moza probablemente polo aspecto xuvenil e pola súa frescura e unha certa naturalidade nos xestos“...sentara no banco...coas pernas cruzadas...sacudía o seu zapato...(l.4-6). Aparece esta figura feminina marcada polo esplendor das súas pernas, xeonllos e coxas o que a distingue da maioría das féminas e a singulariza pola rara harmonía destas extremidades no“ser“feminino.
A través da adxectivación valorativa reálzase esta cualidade pouco común con intensificadores“pernas tan fermosas...nin xeonllos tan ben feitos...Nunca eu vira...“(l.7-8)ou ben acódese á dobre adxectivación para atribuír rasgos específicos a unha parte das extremidades inferiores-tan dificilmente“visibles“ na muller normal“ nunhas coxas que se adiviñaban longas e nerviosas“(l.14). Só un órgano facial tan universalmente valorado como son os ollos é tamén caracterizado coa dobre e enfática adxectivación“Uns ollos inmensos e maliciosos“(l.16-17). Esta segunda atribución parece desexar descubrirnos a cualidade nesta muller de sentirse poderosa, segura do seu corpo e da capacidade magnética que este ten. Tamén deixa entrever a súa experiencia en saber ler o influxo que posúe sobre a mirada masculina xenérica. O resto dos apartados descritivos confirman a tremenda imaxe erotizada da moza: pola vestimenta“saia curta, máis ben axustada“(l.10),por partes do corpo sempre asociadas coa feminidade plena:“ventre plano,voluptuosas cadeiras...fino van“(l.12-15). A mirada descritora ascende cara aos seos coa sutil referencia ao seu tamaño suxerente“os seus seos enchían a blusa branca“(l.15-16). A pel, a súa cor ten o seu espazo na breve anotación“o seu rostro moreno“(l.16) aportando frescura, aire estival e natural beleza na nosa cultura.
[ O espazo e o tempo narrativos son irrelevantes neste texto]
+ Plano da forma:
Predomina a adxectivación valorativa. O texto é unha prosopografía dunha espectacular moza(ante os ollos do narrador) e todos os cualificadores argumentan esa visión“perfecta“ que ten quen a describe.Xa se comentaron arriba os elementos máis relevantes para este apartado.
A temporalidade verbal esixida pola carga narrativa previa á descrición(da que non somos partícipes neste anaco textual)sitúa a escena nun momento no pasado con respecto ao referente actual desde o que se narra, por iso, os tempos predominantes son o copretérito“sacudía o seu zapato“(l.5);“levaba unha saia curta“(l.10);“o seu corpo era digno“(l.11)“que se adiviñaban“(l.14);
Contrastaba“(l.16);“Eu estaba enfeitizado“(l.18). O valor prolongativo e durativo deste tempo verbal adecúase moi ben á natureza descritiva do fragmento e á vitalidade narrativa lógrase ao combinalo con pretéritos e antepretéritos cos seus matices puntuais e rápidos:“cando se aproximou“(l.9);“asomou un sorriso“ (l.18)..............................................E para comezar este ano a práctica do comentario podería ser suficiente. [ Continuaremos].

Tuesday, June 4, 2013

 COMENTARIO LITERARIO “ABEL”. SARA LEMA. 4º A.

PLANO DO CONTIDO:

1. TEMA: A chegada esperada dun meniño que nace morto.

2. ARGUMENTO: Trátase dunha familida de catro irmás e os pais que agardaban a esperada da chegada dun meniño ao cal lle asignaron o nome de Abel, pero este naceu morto e a ilusión quebróuselles con este acontecemento.
3. O narrador é omnisciente, coñece todos os acontecementos e sabe os pensamentos de cada personaxe (será un meniño). Ata sabe o que sente cada un, en concreto o que sente a nai cando sabe que está embarazada. Pero  non comparte os feitos.Non é un personaxe da historia.
4. Hai oito personaxes, o pai, a nai, as catro irmás e o agardado meniño. Non temos moitos datos deles, e só sabemos o nome do meniño, Abel. Del sabemos que faleceu antes de nacer.Da nai e do pai non se sabe case ningún dato, só coñecemos algúns sentimentos momentáneos, despois non se describen nin se saben nomes. Das irmás sabemos que están moi emocionadas pola chegada do neno, e tamén sabemos as súas idades por dedución, xa que o narrador utiliza un xogo de números para que o lector pense na idade “a máis nova ten cinco anos, “van en escaleira de dous en dous”.

PLANO DA FORMA:
1.”Un latexo velaíño…” infórmanos sobre como a nai sabe que está embarazada.
“será un meniño”, a familia está convencida de que é un meniño aínda que non haxa nada para probalo. “ O tempo facíase longo…” fálanos de cómo a familia se lle fai longa a espera da chegada do meniño. “De altar…”quere mostrar a importancia que ten o meniño para elas.
2. Hai abundancia de pretéritos e copretéritos, que guían o ritmo narrativo combinándose para aportar doses de lentitude do tempo da espera e puntualidade de acción con matices de maior aceleración. Exemplos: “dicía, era, viron, medraba, ían, viña…”
3. Tiñan catro fillas, é importante saber este dato, xa que así sabemos que Abel é o quinto fillo. O número de nenas podería xustificar a ansiada chegada de un integrante do outro sexo que aportaría “variedade” á familia.

“De dous en dous” grazas a esto podemos deducir a idade das rapazas. “Catro corazóns” substitúe as catro rapazas polos seus corazóns que sentían dor polo  seu irmán, un recurso literario moi relevante estilisticamente.

ABEL de Xosé Neira Vilas. Karen 4º B

PLANO DO CONTIDO:

Tema: Abel: Unha ilusión acabada en traxedia.

Argumento: Unha familia tiña catro fillas, cada unha en escaleira de dous en dous anos. É un día chegou a ilusión da familia que era o nacemento dun meniño.Xa lle tiñan nome e todo `Abel´ pero finalmente acabou sendo unha traxedia .

Narrador: Non aparece na historia, xa que conta a experiencia da familia que queria ter un neniño xa que só tiña catro fillas, pero finalmente todo quedou nunha traxedia. Coñece as emocións, os pensamentos e as actuacións das rapazas e compárteas cos lectoes. Ex......

Personaxes: Os personaxes que se están mencionando son as catro fillas, a nai e o pai.
``As nenas cavilaban arreo do irmanciño´´ (l.16), ``un latexo velaíño que a nai albiscou no fondo de si´´ (l.6), ``Pola mañan o pai chamounas´´ (l.34). Non hai nomes, nin rasgos físicos tan só asistimos ás condutas propias duns seres infantís con enorme ilusión e isto é o relevante. A Abel “invéntano” “branco e agudo” un rasgo físico asociado coa finura “social” e outro carácter, sinal de intelixencia ou agudeza, que farían do novo integrante familiar, un ser digno, relevante.

PLANO DA FORMA


  1. REALIZA UNHA VALORACIÓN SOBRE SUBSTANTIVOS ``DESTACADOS´´
    Repitese moito a palabra ``nenas´´, exemplo, ``E as catro nenas repetían aquel dito´´ (l.10), ``As nenas cavilaban arreo no irmanciño´´ (l.16), ``Pensando nel deitábanse e erquíanse as nenas´´(l.23), ``As nenas non se moveron´´(l.30), ``Alí chegaron as catro nenas coa súa ilusión crebada´´ (l.40). O antropónimo Abel e Abeliño deben ser comentados polo seu alto valor emocional. Ten nome quen non naceu aínda e isto crea un efecto de presenza real e de humanización necesarios para soportar todo o mundo ilusionado que se crea no ambiente familiar.
  2. TEMPORALIDADE VERBAL
    Os tempos verbais que predominan son o copretérito e o pretérito de indicativo.
    ``daban´´ ``cavilaban´´ ``había´´``deitábanse´´ ``comenzaban´... o copretérito co seu valor durativo e efecto de prolongación da acción adáptase perfectamente á creación da larga espera do do nacemento e da constancia da presenza na mente das nenas, do futuro nacemento. Coa combinación de tempos propios da narración conséguese ritmo narrativo áxil e eficaz.
  3. O PAPEL DOS NUMERAIS
    Os numerais úsanse para contar os elementos dun conxunto, Úsase moito o numeral ``un´´, ``Pero un día aconteceu algo´´ (l.5), ``un neniño´´ (l.11), ``Xa entre todos lle deran un nome: Abel´´ (l.21)... Apórtanlle concreción e obxectividade a un texto que coma este se sustenta sobre o mundo mental e emocional de catro nenas. O autor prefire a expresión “ 7 días” para enmarcar o ritual infantil das rapazas de visitar a “ tumba “ de seu Abeliño.

Thursday, May 30, 2013

A rapaza do circo (fragmento). Carlos Casares. Sara Lema 4º ESO A.

A rapaza do circo

El coñeceuna de casualidade. Unha tarde, a eso das seis, estaba sentado nun banco do xardín e advertiu que se lle achegaba unha rapaciña loura, de melenas longas, vestida cun pantalón short. Con acento francés preguntoulle ónde podería atopar un médico. Acompañouna. Polo camiño ela díxolle que era trapecista do circo e que seu pai -un antigo xendarme-, atopábase malo (pouca cousa: talvez unha mala dixestión), e que pedira que lle levaran un médico. El a penas falou. Ó chegar á clínica indicoulle: «Aquí». Ela deulle as gracias e invitouno a pasar pola taquilla, onde lle facilitaría un par de entradas prá función das oito.
Foi. Antes de subir ó trapecio, a rapaza, vestida de pescadora, cantou. Na metade da canción dirixiuse cara á butaca que ocupaba el e botoulle o sedal da cana, mentres lle dicía entre as risas de todos: «Pica, pica, pececito».
Volvéronse atopar ó día seguinte.Despois víronse tódolos días. Pasaban as tardes no río. Deitábanse na area. Enterrábanse. Nadaban. Ela faláballe de Marsella, da súa infancia. El pechaba os ollos e imaxinaba aquela rúa fronte ó porto, os barcos que Anne despedía cun pano branco dende a bufarda, a tía Françoise, Jules...
¿Como sería aquel Jules que lle dera o primeiro bico no portal?
-Era louro, coma min. E moi pencoso.
-¿Lémbraste del?
El tiña un sombreiro de palla sobre dos ollos pra tornar o sol. Volveulle preguntar:
-¿Lémbraste del?
Sentiu os labios dela que se po usaban nos seus. Foi coma un trallazo. Unha ledicia branca nacíalle dentro do corazón.
Despois bicáronse. Bicáronse moitas veces. E ela apoiou a súa cabeza no peito del.
Pronto correu a noticia de que se vían no río. Na casa rifáronlle. «¡O que me faltaba -dixera seu pai- un fillo titiriteiro».
Pero seguíanse vendo ás escondidas.
Hoxe os compañeiros de quinto desafiárono.
-A que non es home de subila pra aquí...
Non o dubidou. Asomouse á ventá e chamouna:
-¡Anne...!
Subiu. Recibiuna no hall e metéronse no laboratorio. Pecharon a porta por dentro e taponaron o buraco da pechadura cun cacho de papel. Os de quinto armaban barullo fóra. El ensinoulle as bolboretas, as pedras, os lagartos e as cobras metidos en formo!... Pediulle un alfinete e picouse nun dedo. Amosoulle o sangue a través do microscopio.
-¿Sabes unha cousa? -dixo da.
-¿Que?
-Que nos imos mañá.
Colleuná pola cintura e bicouna.E naquel intre chegou o director. 
Cando saia será xa de noite e terase que ir prá casa sen vela, sen lle explicar, sen lle dicir o que ocorreu. E despois de cear dirá: «Quero ir ó circo». E o seu pai responderá: «Non». Entón irase á cama. E pensará: «Os vellos non saben». E os vellos (non tan vellos), na súa habitación nin sequera se lembrarán del e da francesiña Anne. E el ha tardar en durmir, pero durmirá. ¿Durmirá?.
Mañá ó se erguer, sentirase triste. Máis triste que ninguén. ¿E que será de Anne? Non a volverá ver. ¿Nunca máis? Nunca. Ergueuse moi cedo. Marchou correndo ó campo da feira. No sitio do circo só quedaba un redondel.

in Vento ferido, 1967

Comentario "Buserana" Gonzalo López Abente.Laura Pose .4º ESO A. Pedra da Aguia.

Monday, May 13, 2013

Buserana 1. Gonzalo López Abente.


Buserana. Gonzalo López Abente.Ed. Xerais.
Comentario literario do “ Prólogo”.
PLANO DO CONTIDO.
Tema: Pesada viaxe a cabalo para visitar en Moraime o admirado irmán.
Argumento: O protagonista- desde a madureza “actual”-comeza a historia cun prólogo no que anuncia a “homenaxe expiatoria” que lle quere facer a seu irmán abade co relato.Viaxa a cabalo-como era habitual antigamente no mundo rural-desde Santiago a Moraime,Muxía, para visitar un irmán, cura desta parroquia e home “santo” e bondadoso moi diferente do protagonista.
Narrador: Narrador e protagonista son unha mesma persoa feito que aporta realismo e veracidade á información. A secuencia temporal diferente,pois o narrador conta a historia desde a súa madureza, poderían rebaixar a dose de certeza dos datos dado que a memoria altera os seus “produtos” pasados.
Ex.” Da miña mocedade (l.1), agora xa teño guedellas (l.1-2), confeso que cando me baixei (l.10-11), eu, de xeito e temperamento…(l. 29) “.
Espazo: As accións transcorren ao longo da narración na parroquia de Moraime, en Muxía. Neste prólogo faise una introdución ao relato que inclúe a viaxe a cabalo do protagonista desde Compostela a Moraime “ dentro xa do curro da rectoral” (l.11) e algunha reflexión sobre o carácter tan distinto dos dous irmáns.
Tempo: Desde a madurez, facilmente recoñecible nos aspectos físicos asociados con esta “ Guedellas brancas e a face engurrada” (l. 2), o narrador retrotráese a una época vital anterior “ foi aló polo inverno dun ano da miña mocidade”(l.1). Os medidores temporais van estruturando o relato:” Xaneiro viña (l.2), era a víspera de San Xián (l.7). Este último dato aporta claramente a xustificación de tan pesada viaxe, S. Xián é patrón de Moraime e celebra a súa festa “grande” polo que o protagonista é convidado de seu irmán, párroco na aldea muxiá.
Cando o protagonismo do prólogo o asume a figura do irmán, a historia biográfica vaise cosendo con introdutores temporais: “ Dendes moi neno…(l. 20), Cando estudiantes…(l.24), despois , xa separados…(l. 26)” o que proporciona un carácter sinxelo e ordenado.

Os personaxes que vimos mencionando son os dous irmáns: o narrador e o sacerdote. Descoñecemos ,de momento,detalles descritivos dos personaxes. O carácter do párroco “ do meu bo irmán e santo abade de Moraime” (l.13) pronto se define como espírito san e puro con virtudes das que carece o narrador “el distinguíase pola súa seriedade e aplicación” (l.24),”Eu, de xeito e temperamento completamente opostos aos del” (l.29),”cantos desgustos lle teño dado coas miñas tolerías”(l.32),”quixera borrar do meu pasado o mal que a miña imprudencia e tola vaidade...”(l.36).Será precisamente o carácter imprudente e insensato do narrador a xustificación da historia ,o seu fío condutor.
No texto B incorpórase a personaxe feminina de Andreíña,fundamental na trama narrativa. Muller incipiente, presume o narrador que anda arredor dos dezaseis anos (l.8-B) e a súa complexión física é a dunha persoa áxil e proporcionada “tiña un corpo feituquiño e flexible”(l.9), combínanse curiosamente dous adxectivos para cualificar o atractivo da rapaza “era fermosa e linda”(l.7) que deslocen o obxectivo final perseguido polo narrador. O talle da moza e varios aspectos do seu rostro: boca, ollos e a cor do seu cabelo pechan a prosopografía feminina que fundamentará posiblemente o interese sentimental do narrador cara a ela “ esta meiga nena é a túa filla?” (l.14),tema central da narración total. Puntualmente apórtase un matiz de carácter da mociña “ A coitada é moi vergoñosa”-dixo a nai “ (l.20).

Monday, May 6, 2013

Fragmento de " O brillo dos elefantes" de Fran Alonso.


                            COMENTARIO LITERARIO DUN TEXTO NARRATIVO.
                       ( Fragmento de “ O brillo dos elefantes” Fran Alonso)
PLANO DO CONTIDO
Tema: Pasado familiar complicado do narrador por conflitos político-sociais.
Argumento: O narrador evoca o pasado familiar, infancia e mocidade da súa nai e vivencias dos avós durante un período de problemas políticos e sociais que obrigaron a familia a fuxir da súa poboación e agocharse para evitar represalias do exército.
   O narrador non compartiu esta época por razóns evidentes – súa nai era una rapariga e máis tarde una moza- e a información chégalle polos relatos da súa avoa Mirta principalmente. A filla desta parece sufrir demasiado con estes recordos e non desexa reproducilos. Participamos co narrador dos inquietantes desprazamentos da familia para evitaren as represalias políticas; do medo do avó e a súa impotencia; dos rudimentarios elementos defensivos dos campesiños como defensa ante os soldados. Percibimos tamén o sentimento de culpa da nai do narrador pois implicou, coa súa rebeldía, toda a familia.
O espazo aparece rexistrado por adverbios de lugar “ non vivían aquí”, “trasladándose de aquí para aló”, por un topónimo real ou ficticio “Matagalpa”,“Aquela zona”. Todos eles referentes inconcretos que proporcionan un carácter indeterminado á localización dos acontecementos talvez procurando ese carácter xeral o ser,este, un lugar que represente a calquer lugar onde se sufriron estas mesmas situacións.
O tempo cronolóxico só vén suxerido pola situación política e social que se recrea (proximidades da Guerra Civil española).E o tempo narrativo establécese con expresións que recollen etapas da vida dos personaxes como:
“ garda lembranzas….de cando era nena”, ”de rapariga”, ”de moza” ou ben cos “medidores” temporais : “un día”, “pasaron varios anos” o que proporciona axilidade á narración.
Hai tres personaxes relevantes, o primeiro, o narrador “ Eu ben sei…” que en primeira persoa relata acontecementos dos que non foi testemuña senón que lle foron contados pola súa avoa. O segundo personaxe é a súa familia materna, composta por súa nai ,a avoa e o avó e o terceiro serían dous grupos colectivos: o campesiñado e os soldados. Non é doado establecer os límites dos personaxes colectivos porque ben poderían ser os dous sectores sociais confrontados durante esta situación. Destaca dentro da familia a figura formal da avoa “ Dona Mirta”,”a señora Mirta”  denominacións que en boca de seu neto proporcionan menor familiaridade, maior protocolo.Produce un efecto de singularidade desta muller aportándolle una identificación potente, incluso una categorización social bastante evidente. Apuntemos que a imaxe do avó é a dun home sobrepasado pola tensión vivida, colérico e refuxiado no alcol para evadirse da desacougante experiencia vital que lle tocou vivir.
PLANO DA FORMA.
O estilo narrativo é sinxelo, con fórmulas temporais que van estruturando o relato. Utilízanse introdutores espaciais e temporais:”cando era nena”,” de rapariga”,”vivían noutra comarca”,” un día” e son as construcións sintácticas,curtas e facilmente comprensibles, as que potencian a claridade do texto.Os tempos verbais predominantes son propios desta tipoloxía textual: pretéritos e copretéritos guían o ritmo narrativo combinándose para aportar doses de rapidez e puntualidade da acción e matices máis durativos e ralentizadores, inherentes aos dous tempos do pretérito arriba nomeados.
Exemplos: [ o alumnado debe aportar os exemplos necesarios...]

Sen apenas indicadores descritivos, os adxectivos, escasos: cualifican emotivamente personaxes” a querida dona Mirta”, as súas condutas “poñíase moi violento” “pasaron varios anos agochados”. Destacan desde o punto de vista estilístico, a utilización de símiles ou comparacións que toman como base exemplar diversos animais o que lle aporta ao relato, un claro carácter popular “ caían nas aldeas como mosquitos”, “ grandes coma elefantes”, “ nerviosos coma colibrís” e a presenza de metáforas, sinestésicas como “medo branco” na que se combinan “sorprendentemente” o elemento emotivo e o visual  e son definitorias do explosivo temperamento do avó, animalizado na expresión “semellaba un puma rabioso”.
Este texto, de fácil lectura, resulta un bo exemplo da natureza  da narración.As súas claves son directas e claramente localizables e o factor humano que asoma en todas as súas liñas permítenos a súa comprensión.

Fragmento de " A rapaza do circo" de Carlos Casares


A rapaza do circo en “Vento ferido” de Carlos Casares.
Comentario.                     
PLANO DO CONTIDO.
O tema do fragmento pode ser un encontro casual convértese en intensa /inseparable relación adolescente.
O argumento parte da casualidade do encontro entre una rapaza francesa que precisa atopar un médico e un mociño da vila que amablemente informa a rapaza sobre a localización daquel. O agradecemento dela reflíctese na invitación a ver a función do circo no que actúa ela e as posteriores citas que manteñen diariamente confirman a simpatía que naceu entre eles.
O narrador en 3ª persoa preséntanos as diversas escenas polas que trancorre a cómplice historia dos adolescentes, detalles de cando se coñeceron fortuitamente, onde e a que hora. Ofrece datos descritivos da moza estranxeira, transcribe as súas conversacións “preguntoulle onde podería atopar un médico”, “polo camiño ela díxolle que era trapecista do circo” e recolle as imaxes que invaden ao rapaz cando recrea mentalmente a cidade francesa de Marsella ” El pechaba os ollos e imaxinaba aquela rúa fronte ao porto”.
O espazo narrativo non aparece “materializado” por medio de ningún referente definido, adiviñamos que pode ser unha vila, non pequena, posiblemente do interior galego cun centro educativo con bacharelato superior e un río. A maior parte das accións transcorren en espazos abertos,sobretodo a zona fluvial, onde os dous rapaces comparten o escaso tempo libre do que van dispór e onde buscan a intimidade necesaria para vivir ese exquisito momento de namoramento adolescente. O interior da carpa do circo e algunha dependencia do colexio cerran o mundo espacial do texto.
O tempo do relato, ao igual que o marco espacial, é indefinido.Poderiamos situalo nun momento cronolóxico anterior ao ano 1970 dado que existía a estrutura educativa de bacharelato elemental e superior “ os de quinto”. As secuencias temporais veñen marcadas por medidores como “ Unha tarde a iso das seis”, “ a función das oito”, “volvéronse atopar ao día seguinte”,”despois víronse todos os días”,” pasaban as tardes no río” cuxa función é a de enmarcar o tempo compartido, o paso da casualidade á búsqueda do contacto diario, a necesidade de compartir e a atracción nacida entre eles.
Os personaxes son dous e destaca a figura da rapaza francesa pois é a única descrita e a única nominalizada. Anne ou a francesiña do circo está determinada como personaxe por dous rasgos principais : o ser estranxeira e o ser trapecista dun circo. Ela constitúe o elemento novidoso na vila, é francesa, probablemente máis moderna e interesante que calquer rapaza da vila. Vigorosa, esvelta, áxil e elástica son adxectivos facilmente atribuíbles á textura corporal dunha mociña que se adica á práctica de acrobacias sobre o trapecio. A figura varonil está eclipsada pola potente imaxe de Anne polo menos neste fragmento, é case unha imaxe pasiva, interesada en escoitar e en imaxinar a vida da francesa . É receptor  e non tanto dador. Só intuímos o seu entusiasmo pola rapaza ao saber da súa frustración por non poder despedirse, ante a incomprensión de seus pais.

PLANO DA FORMA.
O fragmento é claramente narrativo nel predominan as accións que se suceden ao coincidir os dous personaxes e posteriormente compartir tempo e inocentes diversións ao aire libre. Son, polo tanto as formas verbais as “donas” narrativas do texto. O tempo de pretérito selecciónase para accións puntuais
“El coñeceuna de casualidade”,”Acompañouna”,”El apenas falou”,”Foi”,”cantou” ou ben con verbos de lingua que introducen o diálogo indirecto entre os dous personaxes ao encontrárense “ preguntoulle onde podería atopar un médico”,“ela díxolle que era trapecista do circo e que seu pai se atopaba malo…”. As liñas máis rendibles estilisticamente desde o punto de vista da temporalidade verbal son as que recollen a cotiá actividade dos adolescentes-xa parella .Son agora os copretéritos os que cobran especial relevancia para enmarcar a duración,a elástica prolongación das actividades conxuntas, a recreación e deleite cos que os rapaces desenvolven actos case ridículos ou infantís ante unha mirada actual “ Pasaban as tardes no río,“deitábanse na area”,”enterrábanse na area”,”Ela faláballe de Marsella”,”El pechaba os ollos”.
Destacan, centrándonos no aspecto nominal, o antropónimo Anne e as outras dúas denominacións coas que se alude a rapaza ”a francesiña do circo”e “rapaciña loura, de melenas longas, vestida cun pantalón curto”. Os dous diminutivos cos que se caracteriza a rapaza ben poderían responder á estatura desta e a súa liviá constitución física. A súa dedicación artística probablemente estea condicionada e á inversa pola súa estrutura ou complexión corporal que esixe elasticidade, flexibilidade e forma aerodinámica. Os outros datos sobre o aspecto físico de Anne son pinceladas puntuais sobre cor de pel, o largo da cabeleira ( tamén esixido pola actividade artística que desempeña) e a vestimenta fresca,estival e moderna que viste o día do encontro “vestida cun pantalón curto”.
O fragmento constitúe un sinxelo modelo de narración con total dominio das accións dos personaxes con escaso desexo de recreación en datos superficiais.A intención deste estilo narrativo debe responder á recollida dunha breve relación adolescente debido ao carácter itinerante da ocupación laboral da rapaza francesa e a súa familia.