Monday, May 6, 2013

Fragmento de " O brillo dos elefantes" de Fran Alonso.


                            COMENTARIO LITERARIO DUN TEXTO NARRATIVO.
                       ( Fragmento de “ O brillo dos elefantes” Fran Alonso)
PLANO DO CONTIDO
Tema: Pasado familiar complicado do narrador por conflitos político-sociais.
Argumento: O narrador evoca o pasado familiar, infancia e mocidade da súa nai e vivencias dos avós durante un período de problemas políticos e sociais que obrigaron a familia a fuxir da súa poboación e agocharse para evitar represalias do exército.
   O narrador non compartiu esta época por razóns evidentes – súa nai era una rapariga e máis tarde una moza- e a información chégalle polos relatos da súa avoa Mirta principalmente. A filla desta parece sufrir demasiado con estes recordos e non desexa reproducilos. Participamos co narrador dos inquietantes desprazamentos da familia para evitaren as represalias políticas; do medo do avó e a súa impotencia; dos rudimentarios elementos defensivos dos campesiños como defensa ante os soldados. Percibimos tamén o sentimento de culpa da nai do narrador pois implicou, coa súa rebeldía, toda a familia.
O espazo aparece rexistrado por adverbios de lugar “ non vivían aquí”, “trasladándose de aquí para aló”, por un topónimo real ou ficticio “Matagalpa”,“Aquela zona”. Todos eles referentes inconcretos que proporcionan un carácter indeterminado á localización dos acontecementos talvez procurando ese carácter xeral o ser,este, un lugar que represente a calquer lugar onde se sufriron estas mesmas situacións.
O tempo cronolóxico só vén suxerido pola situación política e social que se recrea (proximidades da Guerra Civil española).E o tempo narrativo establécese con expresións que recollen etapas da vida dos personaxes como:
“ garda lembranzas….de cando era nena”, ”de rapariga”, ”de moza” ou ben cos “medidores” temporais : “un día”, “pasaron varios anos” o que proporciona axilidade á narración.
Hai tres personaxes relevantes, o primeiro, o narrador “ Eu ben sei…” que en primeira persoa relata acontecementos dos que non foi testemuña senón que lle foron contados pola súa avoa. O segundo personaxe é a súa familia materna, composta por súa nai ,a avoa e o avó e o terceiro serían dous grupos colectivos: o campesiñado e os soldados. Non é doado establecer os límites dos personaxes colectivos porque ben poderían ser os dous sectores sociais confrontados durante esta situación. Destaca dentro da familia a figura formal da avoa “ Dona Mirta”,”a señora Mirta”  denominacións que en boca de seu neto proporcionan menor familiaridade, maior protocolo.Produce un efecto de singularidade desta muller aportándolle una identificación potente, incluso una categorización social bastante evidente. Apuntemos que a imaxe do avó é a dun home sobrepasado pola tensión vivida, colérico e refuxiado no alcol para evadirse da desacougante experiencia vital que lle tocou vivir.
PLANO DA FORMA.
O estilo narrativo é sinxelo, con fórmulas temporais que van estruturando o relato. Utilízanse introdutores espaciais e temporais:”cando era nena”,” de rapariga”,”vivían noutra comarca”,” un día” e son as construcións sintácticas,curtas e facilmente comprensibles, as que potencian a claridade do texto.Os tempos verbais predominantes son propios desta tipoloxía textual: pretéritos e copretéritos guían o ritmo narrativo combinándose para aportar doses de rapidez e puntualidade da acción e matices máis durativos e ralentizadores, inherentes aos dous tempos do pretérito arriba nomeados.
Exemplos: [ o alumnado debe aportar os exemplos necesarios...]

Sen apenas indicadores descritivos, os adxectivos, escasos: cualifican emotivamente personaxes” a querida dona Mirta”, as súas condutas “poñíase moi violento” “pasaron varios anos agochados”. Destacan desde o punto de vista estilístico, a utilización de símiles ou comparacións que toman como base exemplar diversos animais o que lle aporta ao relato, un claro carácter popular “ caían nas aldeas como mosquitos”, “ grandes coma elefantes”, “ nerviosos coma colibrís” e a presenza de metáforas, sinestésicas como “medo branco” na que se combinan “sorprendentemente” o elemento emotivo e o visual  e son definitorias do explosivo temperamento do avó, animalizado na expresión “semellaba un puma rabioso”.
Este texto, de fácil lectura, resulta un bo exemplo da natureza  da narración.As súas claves son directas e claramente localizables e o factor humano que asoma en todas as súas liñas permítenos a súa comprensión.

No comments:

Post a Comment