Monday, May 6, 2013

Fragmento de " A rapaza do circo" de Carlos Casares


A rapaza do circo en “Vento ferido” de Carlos Casares.
Comentario.                     
PLANO DO CONTIDO.
O tema do fragmento pode ser un encontro casual convértese en intensa /inseparable relación adolescente.
O argumento parte da casualidade do encontro entre una rapaza francesa que precisa atopar un médico e un mociño da vila que amablemente informa a rapaza sobre a localización daquel. O agradecemento dela reflíctese na invitación a ver a función do circo no que actúa ela e as posteriores citas que manteñen diariamente confirman a simpatía que naceu entre eles.
O narrador en 3ª persoa preséntanos as diversas escenas polas que trancorre a cómplice historia dos adolescentes, detalles de cando se coñeceron fortuitamente, onde e a que hora. Ofrece datos descritivos da moza estranxeira, transcribe as súas conversacións “preguntoulle onde podería atopar un médico”, “polo camiño ela díxolle que era trapecista do circo” e recolle as imaxes que invaden ao rapaz cando recrea mentalmente a cidade francesa de Marsella ” El pechaba os ollos e imaxinaba aquela rúa fronte ao porto”.
O espazo narrativo non aparece “materializado” por medio de ningún referente definido, adiviñamos que pode ser unha vila, non pequena, posiblemente do interior galego cun centro educativo con bacharelato superior e un río. A maior parte das accións transcorren en espazos abertos,sobretodo a zona fluvial, onde os dous rapaces comparten o escaso tempo libre do que van dispór e onde buscan a intimidade necesaria para vivir ese exquisito momento de namoramento adolescente. O interior da carpa do circo e algunha dependencia do colexio cerran o mundo espacial do texto.
O tempo do relato, ao igual que o marco espacial, é indefinido.Poderiamos situalo nun momento cronolóxico anterior ao ano 1970 dado que existía a estrutura educativa de bacharelato elemental e superior “ os de quinto”. As secuencias temporais veñen marcadas por medidores como “ Unha tarde a iso das seis”, “ a función das oito”, “volvéronse atopar ao día seguinte”,”despois víronse todos os días”,” pasaban as tardes no río” cuxa función é a de enmarcar o tempo compartido, o paso da casualidade á búsqueda do contacto diario, a necesidade de compartir e a atracción nacida entre eles.
Os personaxes son dous e destaca a figura da rapaza francesa pois é a única descrita e a única nominalizada. Anne ou a francesiña do circo está determinada como personaxe por dous rasgos principais : o ser estranxeira e o ser trapecista dun circo. Ela constitúe o elemento novidoso na vila, é francesa, probablemente máis moderna e interesante que calquer rapaza da vila. Vigorosa, esvelta, áxil e elástica son adxectivos facilmente atribuíbles á textura corporal dunha mociña que se adica á práctica de acrobacias sobre o trapecio. A figura varonil está eclipsada pola potente imaxe de Anne polo menos neste fragmento, é case unha imaxe pasiva, interesada en escoitar e en imaxinar a vida da francesa . É receptor  e non tanto dador. Só intuímos o seu entusiasmo pola rapaza ao saber da súa frustración por non poder despedirse, ante a incomprensión de seus pais.

PLANO DA FORMA.
O fragmento é claramente narrativo nel predominan as accións que se suceden ao coincidir os dous personaxes e posteriormente compartir tempo e inocentes diversións ao aire libre. Son, polo tanto as formas verbais as “donas” narrativas do texto. O tempo de pretérito selecciónase para accións puntuais
“El coñeceuna de casualidade”,”Acompañouna”,”El apenas falou”,”Foi”,”cantou” ou ben con verbos de lingua que introducen o diálogo indirecto entre os dous personaxes ao encontrárense “ preguntoulle onde podería atopar un médico”,“ela díxolle que era trapecista do circo e que seu pai se atopaba malo…”. As liñas máis rendibles estilisticamente desde o punto de vista da temporalidade verbal son as que recollen a cotiá actividade dos adolescentes-xa parella .Son agora os copretéritos os que cobran especial relevancia para enmarcar a duración,a elástica prolongación das actividades conxuntas, a recreación e deleite cos que os rapaces desenvolven actos case ridículos ou infantís ante unha mirada actual “ Pasaban as tardes no río,“deitábanse na area”,”enterrábanse na area”,”Ela faláballe de Marsella”,”El pechaba os ollos”.
Destacan, centrándonos no aspecto nominal, o antropónimo Anne e as outras dúas denominacións coas que se alude a rapaza ”a francesiña do circo”e “rapaciña loura, de melenas longas, vestida cun pantalón curto”. Os dous diminutivos cos que se caracteriza a rapaza ben poderían responder á estatura desta e a súa liviá constitución física. A súa dedicación artística probablemente estea condicionada e á inversa pola súa estrutura ou complexión corporal que esixe elasticidade, flexibilidade e forma aerodinámica. Os outros datos sobre o aspecto físico de Anne son pinceladas puntuais sobre cor de pel, o largo da cabeleira ( tamén esixido pola actividade artística que desempeña) e a vestimenta fresca,estival e moderna que viste o día do encontro “vestida cun pantalón curto”.
O fragmento constitúe un sinxelo modelo de narración con total dominio das accións dos personaxes con escaso desexo de recreación en datos superficiais.A intención deste estilo narrativo debe responder á recollida dunha breve relación adolescente debido ao carácter itinerante da ocupación laboral da rapaza francesa e a súa familia.




No comments:

Post a Comment