Díaz
Castro naceu o 19 de febreiro do 1914 no seo dunha familia labrega
acomodada do
Vilariño, unha aldea da parroquia dos Vilares
coñecida popularmente como Vilariño dos
Cregos, porque
en tres casas, entre tíos e sobriños, chegou a haber
nove cregos. Eran catro
irmáns, Antonio, José, María
e Serafín. O seu pai traballaba de escribente no Concello e
tamén era o presidente do Sindicato Agrario Católico
nos Vilares, polo que na casa recibían o
xornal e había
libros.
Xosé
María Díaz Castro comezou indo á escola á
veciña parroquia do Buriz, pasando polo Porto Muíño,
o río que «está está deitado coma un boi
remoendo/e o Tempo non sei que anda rente del remexendo», tal e
como el escribiu no poema ‘Vísperas’, no que tamén
cita a festa do Carmio do Buriz: «...foguetes lonxanos cain no
río/este é o Porto-Muíño, todo en lapas,
o río».
A
natureza, todo o que o rodeaba, sempre lle chamou a atención.
Paseaba a cotío, ía ás festas da volta andando e
á feira de Parga. Contan que nunha ocasión, seu irmán
Serafín e el xuntaron e clasificaron uns 200 ovos de paxaro.
Un exemplo entre moitos desa predilección polas cousas miúdas
e cotiás é ‘Esmeralda?: «Herba
pequerrechiña/que con medo sorrís/ó sol que vai
nacendo/e morrendo sen ti/¿por que de ser pequena/te me
avergonzas ti?/¡O Universo sería/máis pequeno sen
ti!».
Aos
15 anos, tras pasar polas escolas do Buriz e dos Vilares, ingresou no
seminario mindoniense, onde permaneceu ata o 1936, cursando estudos
de Latín, Humanidades, Filosofía e Teoloxía.
Cumpriu co servizo militar ata finais do 39 e volveu ao seminario,
ata xaneiro do 40, cando marcha para Vilagarcía, ao colexio
León XIII, que dirixía o seu amigo Aquilino Ilgesia
Alvariño para substituir a outro chairego ilustre, Crecente
Vega.
Os
máis de sete anos de estadía en Mondoñedo, onde
o alcumaron ‘O Poeta’, marcárono fondamente, como amosa a
constante presenza de Deus e as referencias relixiosas nos seus
escritos, coma por exemplo ‘Veleiquí os homes’: «Saben
os ollos que hai tralo valado un Reino/e que do anxo hastra o grilo
brinca o gozo de Deus». Desa época son dous cadernos
de
poemas ‘Follas Verdes’ e ‘Follas ao aire’, que nunca se
chegaron a publicar, aínda que algunhas destas composicións
aparecen, modificadas, en ‘Nimbos’.
Xa
dende pequeno, Díaz Castro tivo apego polas linguas clásicas,
como o hebreo ou o latín, polo que á hora de dirixir o
seu futuro profesional, optou por ser tradutor no canto de profesor
ou xornalista, as outras dúas opcións que barallaba.
Asentouse en Madrid, onde desenvolveu boa parte do seu labor
profesional nos institutos de Cultura Hispánica e de
Investigaciones Científicas, chegando a dominar unhas 14
linguas. Alí casou e tivo tres fillos, aínda que as
súas raíces sempre pesaron moito, empezando pola fala.
De
feito, chegou a escribir un poemario en castelán, titulado
‘Sombras radiantes’, que nunca quixo que vise a luz, e unha
escolma de poemas que Alfonso Blanco Torrado lle chama ‘O terceiro
caderno’. Tras moitas presións, lembra o coordinador de
Xermolos, Díaz Castro accedería a que se traducise
‘Sombras radiantes’, un labor que se lle encomendou a Darío
Xohán Cabana, disposto a facelo sempre que o propio autor
revisase a tradución. Non foi posible. O proxecto nunca
chegaría a materializarse, suspendido polo seu pasamento, en
outubro de 1990.
Para
entón, Díaz Castro xa levaba tempo afincado en
Guitiriz, nun piso da Rúa Sesulfe -hoxe Rúa Río
Forxá-, de xeito permanente dende a súa xubilación
e antes desta con constantes viaxes dende comezos dos 80,
participando nalgúns actos públicos, coma o Festival de
Pardiñas.
No
1984 tamén tomaría protagonismo nun recital en Guitiriz
promovido por Xermolos, onde pronunciou un discurso. A súa
alocución estivo dedicada a definir a poesía: «Cultura,
profundidade e beleza de expresión. Onde non hai beleza non
hai verdadeira poesía. A poesía verdadeira ten que
producir emoción estética, o mesmo que a música
ou outra arte», asegurou naquela ocasión, antes de
recitar algúns dos seus poemas.
O
enterro de Xosé María Díaz Castro, no cemiterio
de San Xoán de Guitiriz, citaría a numerosos veciños
e a unha ampla representación do mundo da cultura e das
letras. Alí estiveron, entre outros, Manuel María, Uxío
Novoneyra, Darío Xohán Cabana, Luís González
Tosar, Miguel Anxo Fernán-Vello e Paco Martín.
Con
boa parte deles mantiña unha boa relación, coma con
Novoneyra, unha constante na vida do poeta dos Vilares e namorado
confeso da súa obra e especialmente do ‘Monumento á
ausencia’: «Naquela mañá feita para os ollos/de
Deus, para sempre froleceu a pudia/cantaron as lavercas para sempre.
E eu perdinme anter os trigos ben perdido,/coas espigas por riba da
cabeza,/no carreiro longuísimo dos adeuses...».
Para
Díaz Castro tamén foron básicos outros xa non
presentes, coma Aquilino Iglesia Alvariño, quen conducira os
seus pasos cara o mundo da tradución, definindo o seu futuro
profesional, ou Ramón Piñeiro, quen coa súa
insistencia logrou que Díaz Castro publicase ‘Nimbos’, ese
clásico da literatura galega que se resume nun verso do seu
derradeiro poema, ‘Coma unha espada’: «A beleza feriume
para sempre».
http://www.edu.xunta.es/centros/ceipaponte/system/files/xosemaria1.swf
NESTA PÁXINA PROPOÑEN UN TEST SOBRE A EXISTENCIA "HUMANA" DO POETA DE GUITIRIZ, FAINO E PON A PROBA OS TEUS COÑECEMENTOS!!