DOUS VELLOS QUE TAMÉN TIVERON MOCIDADE… CASTELAO.”Cousas”. Son Eu.
Técnica narrativa:
1. Rasgos selectivos esenciais xa que a historia se centra nos sentimentos tan intensos e sinceros entre a parella [véxase a insistente frase “Dous vellos”(l.1-2)] e prescinde de datos persoais físicos e de carácter, así como información cronolóxica e espacial. A historia de amor corre veloz sen proporcionar detalles agás insistir no seu exclusivo e excluínte romance eterno.
2. Humorismo moi contido intuído na especial relación entre a parella sobre todo nas fórmulas expresivas das primeiras catro liñas: estruturas oracionais reiteradas” Dous vellos que tamén…,que se coñeceron...que...e que viviron”(L.1-2); “Dous vellos sempre xuntos e sempre…”(l.2-3).
3. O lirismo e sentimento persoal preside todo o relato pois é nos sentimentos entre dúas persoas onde se sitúa o tema central. A relación exclusiva e inxectada por un amor verdadeiro e perdurable ata a morte, onde non tiña cabida ningún outro ser humano, onde non había necesidade de comunicarse. A tenrura e o íntimo protocolo mortuorio. A despedida “amorosa” da muller cando o cadáver de Eleuterio sae do seu niño de amor (l.7-8) en contraste coa “estraña” presenza das persoas que sacan a caixa do morto sinalada na expresión “catro homes”(l.7). Lirismo hai tamén no tratamento humano e sensible do amor sen prexuízos á hora de asociar o sentimental coa vellez”ninguén se decata con que dor a vella namorada…”(l.13).
4. O desenlace está coidado e logra un contraste emotivo entre os sentimentos e comuñón da parella de anciáns e a absurda reacción dos veciños cunha ausencia total de empatía e sensibilidade. Recóllense dous mundos, o amoroso e reducido círculo dos namorados e, o dos veciños, alleos ao especial mundo dos primeiros, agrupados nun único e insensible colectivo:”Todos, todos riron e ninguén se decata…”(l.13).
No comments:
Post a Comment