Monday, February 24, 2014

Letras galegas 2014. XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO

Díaz Castro naceu o 19 de febreiro do 1914 no seo dunha familia labrega acomodada do 

Vilariño, unha aldea da parroquia dos Vilares coñecida popularmente como Vilariño dos 

Cregos, porque en tres casas, entre tíos e sobriños, chegou a haber nove cregos. Eran catro 

irmáns, Antonio, José, María e Serafín. O seu pai traballaba de escribente no Concello e 

tamén era o presidente do Sindicato Agrario Católico nos Vilares, polo que na casa recibían o 

xornal e había libros.

Xosé María Díaz Castro comezou indo á escola á veciña parroquia do Buriz, pasando polo Porto Muíño, o río que «está está deitado coma un boi remoendo/e o Tempo non sei que anda rente del remexendo», tal e como el escribiu no poema ‘Vísperas’, no que tamén cita a festa do Carmio do Buriz: «...foguetes lonxanos cain no río/este é o Porto-Muíño, todo en lapas, o río».
A natureza, todo o que o rodeaba, sempre lle chamou a atención. Paseaba a cotío, ía ás festas da volta andando e á feira de Parga. Contan que nunha ocasión, seu irmán Serafín e el xuntaron e clasificaron uns 200 ovos de paxaro. Un exemplo entre moitos desa predilección polas cousas miúdas e cotiás é ‘Esmeralda?: «Herba pequerrechiña/que con medo sorrís/ó sol que vai nacendo/e morrendo sen ti/¿por que de ser pequena/te me avergonzas ti?/¡O Universo sería/máis pequeno sen ti!».

Aos 15 anos, tras pasar polas escolas do Buriz e dos Vilares, ingresou no seminario mindoniense, onde permaneceu ata o 1936, cursando estudos de Latín, Humanidades, Filosofía e Teoloxía. Cumpriu co servizo militar ata finais do 39 e volveu ao seminario, ata xaneiro do 40, cando marcha para Vilagarcía, ao colexio León XIII, que dirixía o seu amigo Aquilino Ilgesia Alvariño para substituir a outro chairego ilustre, Crecente Vega.

Os máis de sete anos de estadía en Mondoñedo, onde o alcumaron ‘O Poeta’, marcárono fondamente, como amosa a constante presenza de Deus e as referencias relixiosas nos seus escritos, coma por exemplo ‘Veleiquí os homes’: «Saben os ollos que hai tralo valado un Reino/e que do anxo hastra o grilo brinca o gozo de Deus». Desa época son dous cadernos
de poemas ‘Follas Verdes’ e ‘Follas ao aire’, que nunca se chegaron a publicar, aínda que algunhas destas composicións aparecen, modificadas, en ‘Nimbos’.

Xa dende pequeno, Díaz Castro tivo apego polas linguas clásicas, como o hebreo ou o latín, polo que á hora de dirixir o seu futuro profesional, optou por ser tradutor no canto de profesor ou xornalista, as outras dúas opcións que barallaba. Asentouse en Madrid, onde desenvolveu boa parte do seu labor profesional nos institutos de Cultura Hispánica e de Investigaciones Científicas, chegando a dominar unhas 14 linguas. Alí casou e tivo tres fillos, aínda que as súas raíces sempre pesaron moito, empezando pola fala.
De feito, chegou a escribir un poemario en castelán, titulado ‘Sombras radiantes’, que nunca quixo que vise a luz, e unha escolma de poemas que Alfonso Blanco Torrado lle chama ‘O terceiro caderno’. Tras moitas presións, lembra o coordinador de Xermolos, Díaz Castro accedería a que se traducise ‘Sombras radiantes’, un labor que se lle encomendou a Darío Xohán Cabana, disposto a facelo sempre que o propio autor revisase a tradución. Non foi posible. O proxecto nunca chegaría a materializarse, suspendido polo seu pasamento, en outubro de 1990.
Para entón, Díaz Castro xa levaba tempo afincado en Guitiriz, nun piso da Rúa Sesulfe -hoxe Rúa Río Forxá-, de xeito permanente dende a súa xubilación e antes desta con constantes viaxes dende comezos dos 80, participando nalgúns actos públicos, coma o Festival de Pardiñas.
No 1984 tamén tomaría protagonismo nun recital en Guitiriz promovido por Xermolos, onde pronunciou un discurso. A súa alocución estivo dedicada a definir a poesía: «Cultura, profundidade e beleza de expresión. Onde non hai beleza non hai verdadeira poesía. A poesía verdadeira ten que producir emoción estética, o mesmo que a música ou outra arte», asegurou naquela ocasión, antes de recitar algúns dos seus poemas.
O enterro de Xosé María Díaz Castro, no cemiterio de San Xoán de Guitiriz, citaría a numerosos veciños e a unha ampla representación do mundo da cultura e das letras. Alí estiveron, entre outros, Manuel María, Uxío Novoneyra, Darío Xohán Cabana, Luís González Tosar, Miguel Anxo Fernán-Vello e Paco Martín.
Con boa parte deles mantiña unha boa relación, coma con Novoneyra, unha constante na vida do poeta dos Vilares e namorado confeso da súa obra e especialmente do ‘Monumento á ausencia’: «Naquela mañá feita para os ollos/de Deus, para sempre froleceu a pudia/cantaron as lavercas para sempre. E eu perdinme anter os trigos ben perdido,/coas espigas por riba da cabeza,/no carreiro longuísimo dos adeuses...».
Para Díaz Castro tamén foron básicos outros xa non presentes, coma Aquilino Iglesia Alvariño, quen conducira os seus pasos cara o mundo da tradución, definindo o seu futuro profesional, ou Ramón Piñeiro, quen coa súa insistencia logrou que Díaz Castro publicase ‘Nimbos’, ese clásico da literatura galega que se resume nun verso do seu derradeiro poema, ‘Coma unha espada’: «A beleza feriume para sempre».


http://www.edu.xunta.es/centros/ceipaponte/system/files/xosemaria1.swf




NESTA PÁXINA PROPOÑEN UN TEST SOBRE A EXISTENCIA "HUMANA" DO POETA DE GUITIRIZ, FAINO E PON A PROBA OS TEUS COÑECEMENTOS!!


No comments:

Post a Comment