Thursday, January 23, 2014

Doña Florinda por Laura Sánchez Campaña. 4º A ( 2013-2014)

1.Rasgos narrativos esenciais: O narrador non nos sitúa espazo-temporalmente. Non especifica rasgos físicos nin psíquicos. Menciona que ela non pode ter fillos ("e viveu lúa tras lúa en espera dun fillo que non chegou" L.1,2), que o home morreu do corazón ("Fungueiriño era xogador e morreu do corazón" L.3,4) que volve casar e que o seu segundo marido tamén falece. Non di nada máis que agora é vella e que non conseguiu ter fillos.

2.Recursos realistas como o apóstrofo ao lector: Neste texto non hai ningún exemplo definido, é unha das excepcións; aínda que frases con referencias orais abundan nos textos de Castelao.

3.O humorismo: ("O loito sentáballe ben a doña Florinda" L.5), o feito de atribuírlle un rasgo positivo ao loito, dálle un aire de humor e contraste coa morte do seu primeiro marido. Tamén o contrasta coa súa pel branca, e co que atrae esa característica ("e a carne branca dos seus brazos chamou polas olladas a furto de don Roque" L.5,6). ("Don Roque foise do mundo e doña Florinda quedouse soia diante dos seus anceios fanados" L.9) outro toque de humor é a mala sorte que ten a muller de que o seu segundo marido tamén faleza. E por último, "no remate da súa longa vida, ¡quen o diría!, doña Florinda olla cumpridos os seus vellos anceios"L.11,12; que agora pense que ten un fillo sendo clamamente a súa imaxinación, resulta irónico.

4.Lirismo e sentimento persoal: ao longo de todo o relato, a pena que sente doña Florinda ("e viveu lúa tras lúa en espera dun fillo que non chegou" L.1,2) ("Laiándose da súa cativa sorte, doña Florinda pasaba as horas mortas na solaina escoitando o chouqueleo triste das galiñas" L.2,3) o feito de non poder ter fillos. A morte do seu primeiro home e a do segundo, e a falsa ledicia, que ao longo da súa vida endexamais tivera ("a chocheira fíxolle crer que ten un fillo, e calquera día quédase morta de ledicia, da ledicia de ser nai" L.12,13).

5.Desenlaces coidados con esmero cunha reflexión final ou epifonema: ("a boa da fidalga ándalle dicindo a todos:-Non sabedes? Nascéume un fillo. E todos se botan a rir porque as xentes xa non saben emocionarse" L.15,16) facendo referencia ao feliz, pero triste final da muller. E na última frase, diríxese cara a sociedade, 
destacando que a xente xa non ten a mesma empatía que tiña antes.

Friday, January 17, 2014

Doña Florinda. Cousas. Castelao.

Técnica narrativa:

1. Rasgos selectivos esenciais: Ausencia de detalles da historia de "amor" entre a protagonista e o seu marido. Deste home sabemos a súa afección (único rasgo que o identifica) e a causa da morte, ningún dato sobre o seu oficio, detalles físicos , de carácter. Descoñecemos a localización espacial e temporal. A prosopografía é inexistente.

2. Humorismo co que se propón, o narrador, resaltar aspectos auténticos con brevísimos datos "Fungueiriño era xogador e morreu do corazón"(l.3-4). O loito que paradoxicamente realza o atractivo de Dña. Florinda " O loito sntáballe ben..."(l.4-5). Nota de humor "suave" na selección léxica : "logrou casarse de segundas"(l.7) coma se o matrimonio fose o obxectivo da muller para conseguir o seu fin: ter un fillo;na elección de recursos literarios:"parece unha reliquia"(l. 11). Afirmando con rotundidade o imposible-pola súa idade- anhelo da muller " Olla cumpridos os seus vellos anceios"(l.12).

3. Lirismo e sentimento persoal: Na "comprensión" da obsesión pola maternidade da pxe. feminina á que trata con respecto emocional: " anceios fanados de acariñar un fillo"(l.4)," doña Florinda quedouse soia diante dos anceios fanados"(l.9). No tratamento da figura da muller, amosando un achegamento humano cara ela, a través dos sufixos alterativos diminutivos" é unha velliña chuchada polo tempo;tan velliña e tan mirradiña..."(l.10-11); por medio de denominacións afectivas" a probe da fidalga; a boa da fidalga". Asemade trasmítenos a comprensión do seu estado mental delirante na vellez:"doña Florinda olla cumpridos os vellos anceios"(l.12),"calquer día quédase morta de ledicia, da ledicia de ser nai"(l.13).

4.Desenlace coidado no tratamento final da breve historia onde o narrador denuncia a ausencia de humanidade e proximidade emotiva das xentes que escoitan as declaracións extraviadas da vella doña Florinda e asume a defensa emocional de quen alimentou toda a súa vida unha ilusión moi profunda que só logrou converter en realidade no seu desvarío senil. "E todos se botan a rir porque as xentes non saben emocionarse"(l.16).

Dende a fiestra da torre. Cousas. Castelao.

Dende a fiestra da torre

Dende a fiestra da torre a condesiña ten os seus ollos chorosos enfiados na derradeira revolta do camiño, por onde un día fuxeu a súa ledicia de namorada. Co verme dos ciumes rillándolle o corazón, a condesiña vai morrendo pouquiño a pouco na fiestra da torre.
E pasan días e meses e anos, esculcando no camiño a volta do seu amor. E nun serán de pensamentos velaíños, relembrando aquel bico que se deron a furto, a condesiña belida morreuse de amor.
Velaía como contan as xentes a morte da namorada. 
Este sartego encerra dende hai centos de anos as cinzas da malfadada condesiña, e a lenda que se conta de vellos a mozos colleu pulo sentimental no moimento de pedra, hucha misteriosa para tódolos espíritos románticos.
Unha vez foi aberto polos “intelectuales” da vila e dentro atoparon ósos, retrincos de lenzo, po e… carabuñas de cereixas para encher as dúas cuncas.
Por certo que o médico, home de moitos anteollos e de moita caspa na chaqueta, díxolle ó boticario:
A condesiña do que morreu foi dunha enchente de cereixas…
Hai homes que non saben calar.


Sunday, January 12, 2014

DENDE A FIESTRA DA TORRE. cOUSAS. cASTELAO

DENDE A FIESTRA DA TORRE. Castelao. “Cousas”.
TÉCNICA NARRATIVA:
1.Rasgos narrativos esenciais: Prescíndese de antropónimos e topónimos. Só aparecen xestores temporais moi imprecisos propios da contística tradicional (“un día”, “hai centos de anos”, “pasan días, meses e anos”). Ausencia de rasgos descritivos ou identificadores dos personaxes protagonistas. Descoñecemos os motivos da desaparición do namorado.
2. Recursos realistas como o apóstrofe ao lector:”Velaia como contan as xentes a morte da namorada”(l.7), como pausa cronolóxica e narrativa entre a versión romántica popularizada emprega o autor esta “simulación de apóstrofe” entregando ao lector a lenda e invitándoo a participar dela antes de que a versión máis realista e recente rompa a maxia da memoria popular.
3.O humorismo lógrase co contraste entre a variante romántica mantida ao longo dos séculos e a versión real desvelada ao abrir o sartego. O mundo da fantasía popular reforzada no pasar do tempo queda “profanada” pola cruel realidade de ser a causa da morte un “empacho froital”. Resolución inesperada pero auténtica que tamén identifica o estilo narrativo do autor. Hai tamén humorismo e ironía no tratamento das figuras representativas do rango social máis elevado(nun mundo rural anticuado) como a do médico e o boticario aos que cualifica de “intelectuales”(l.11) e “esnaquiza” a imaxe do primeiro cualificándoo de “home de moitos anteollos e de moita caspa”(l.13).
4. O lirismo e sentimento persoal están presentes na primeira parte do relato:na localización espacial”unha fiestra da torre”(l.1), o estado emocional”ollos chorosos”,” verme dos ciúmes”,”vai morrendo pouco a pouco”(l.1-3). Unha longa e infrutuosa espera a da nosa protagonista.Tamén este aspecto aparece na mitificación romántica da tumba, convertida nun santuario de culto para “os espíritos románticos”(l.10).
5.Desenlaces coidados con esmero cunha reflexión final ou epifonema. “Hai homes que non saben calar”(l.16). Expresión coa que o narrador admite a súa preferencia por manter a versión romántica da historia e defende a necesidade de silenciar o desenlace real, pois, este traicionaría a crenza ilusionante mantida de xeración en xeración coa que o autor quere posicionarse como cómplice leal.


Monday, January 6, 2014

Técnica narrativa de COUSAS de Afonso Daniel R. Castelao

Técnica narrativa en COUSAS de Castelao.
1- Rasgos selectivos esenciais que denotan o fundamental da historia dominando, pois, a forma breve e sintética froito dun laboriosos traballo de depuración.
2-Utilización de recursos  realistas: o relato autobiográfico,buscando verosimilitude; o apóstrofe ao lector que se realiza empregando a p5 e que procura lograr a complicidade emocional co lector.
3- O humorismo, recurso esencial en Castelao mediante o que se revela o fundamental dos asuntos tratados, prescindindo do anecdótico. Así descubrimos os aspectos máis inesperados e tamén máis auténticos dos seus personaxes.
4- O lirismo e sentimento persoal presiden algúns dos relatos producindo unha prosa especialmente rítmica cando o contido temático é emotivo.
5- Os desenlaces están coidados con esmero e a miúdo rematan nun clímax con epifonema(figura que conclúe o relato cunha exclamación ou meditación profundas) co que o narrador expresa nunha acertada síntese a esencia do relato. Noutras ocasións, despois deste clímax narrativo, o conto pode prolongarse unha liñas máis, que serven para lograr unha distensión final.