Dende a fiestra da torre
Dende
a fiestra da torre a condesiña ten os seus ollos chorosos enfiados
na derradeira revolta do camiño, por onde un día fuxeu a súa
ledicia de namorada. Co verme dos ciumes rillándolle o corazón, a
condesiña vai morrendo pouquiño a pouco na fiestra da torre.
E
pasan días e meses e anos, esculcando no camiño a volta do seu
amor. E nun serán de pensamentos velaíños, relembrando aquel bico
que se deron a furto, a condesiña belida morreuse de amor.
Este
sartego encerra dende hai centos de anos as cinzas da malfadada
condesiña, e a lenda que se conta de vellos a mozos colleu pulo
sentimental no moimento de pedra, hucha misteriosa para tódolos
espíritos románticos.
Unha
vez foi aberto polos “intelectuales” da vila e dentro atoparon
ósos, retrincos de lenzo, po e… carabuñas de cereixas para encher
as dúas cuncas.
Por
certo que o médico, home de moitos anteollos e de moita caspa na
chaqueta, díxolle ó boticario:
— A
condesiña do que morreu foi dunha enchente de cereixas…
Hai
homes que non saben calar.
No comments:
Post a Comment