Monday, May 13, 2013

Buserana 1. Gonzalo López Abente.


Buserana. Gonzalo López Abente.Ed. Xerais.
Comentario literario do “ Prólogo”.
PLANO DO CONTIDO.
Tema: Pesada viaxe a cabalo para visitar en Moraime o admirado irmán.
Argumento: O protagonista- desde a madureza “actual”-comeza a historia cun prólogo no que anuncia a “homenaxe expiatoria” que lle quere facer a seu irmán abade co relato.Viaxa a cabalo-como era habitual antigamente no mundo rural-desde Santiago a Moraime,Muxía, para visitar un irmán, cura desta parroquia e home “santo” e bondadoso moi diferente do protagonista.
Narrador: Narrador e protagonista son unha mesma persoa feito que aporta realismo e veracidade á información. A secuencia temporal diferente,pois o narrador conta a historia desde a súa madureza, poderían rebaixar a dose de certeza dos datos dado que a memoria altera os seus “produtos” pasados.
Ex.” Da miña mocedade (l.1), agora xa teño guedellas (l.1-2), confeso que cando me baixei (l.10-11), eu, de xeito e temperamento…(l. 29) “.
Espazo: As accións transcorren ao longo da narración na parroquia de Moraime, en Muxía. Neste prólogo faise una introdución ao relato que inclúe a viaxe a cabalo do protagonista desde Compostela a Moraime “ dentro xa do curro da rectoral” (l.11) e algunha reflexión sobre o carácter tan distinto dos dous irmáns.
Tempo: Desde a madurez, facilmente recoñecible nos aspectos físicos asociados con esta “ Guedellas brancas e a face engurrada” (l. 2), o narrador retrotráese a una época vital anterior “ foi aló polo inverno dun ano da miña mocidade”(l.1). Os medidores temporais van estruturando o relato:” Xaneiro viña (l.2), era a víspera de San Xián (l.7). Este último dato aporta claramente a xustificación de tan pesada viaxe, S. Xián é patrón de Moraime e celebra a súa festa “grande” polo que o protagonista é convidado de seu irmán, párroco na aldea muxiá.
Cando o protagonismo do prólogo o asume a figura do irmán, a historia biográfica vaise cosendo con introdutores temporais: “ Dendes moi neno…(l. 20), Cando estudiantes…(l.24), despois , xa separados…(l. 26)” o que proporciona un carácter sinxelo e ordenado.

Os personaxes que vimos mencionando son os dous irmáns: o narrador e o sacerdote. Descoñecemos ,de momento,detalles descritivos dos personaxes. O carácter do párroco “ do meu bo irmán e santo abade de Moraime” (l.13) pronto se define como espírito san e puro con virtudes das que carece o narrador “el distinguíase pola súa seriedade e aplicación” (l.24),”Eu, de xeito e temperamento completamente opostos aos del” (l.29),”cantos desgustos lle teño dado coas miñas tolerías”(l.32),”quixera borrar do meu pasado o mal que a miña imprudencia e tola vaidade...”(l.36).Será precisamente o carácter imprudente e insensato do narrador a xustificación da historia ,o seu fío condutor.
No texto B incorpórase a personaxe feminina de Andreíña,fundamental na trama narrativa. Muller incipiente, presume o narrador que anda arredor dos dezaseis anos (l.8-B) e a súa complexión física é a dunha persoa áxil e proporcionada “tiña un corpo feituquiño e flexible”(l.9), combínanse curiosamente dous adxectivos para cualificar o atractivo da rapaza “era fermosa e linda”(l.7) que deslocen o obxectivo final perseguido polo narrador. O talle da moza e varios aspectos do seu rostro: boca, ollos e a cor do seu cabelo pechan a prosopografía feminina que fundamentará posiblemente o interese sentimental do narrador cara a ela “ esta meiga nena é a túa filla?” (l.14),tema central da narración total. Puntualmente apórtase un matiz de carácter da mociña “ A coitada é moi vergoñosa”-dixo a nai “ (l.20).

No comments:

Post a Comment