Thursday, November 21, 2013

Texto descritivo 2- 1ª avaliación 4º ESO

Texto B

"A princesa Auda"

     O seu pelo resplandecente, perfectamente dividido en dúas partes, enmarca os harmoniosos contornos das súas meixelas, delicadas e brancas, brillantes a forza de tesura e louzanía. As súas cellas de ébano teñen a forma e a forza do arco de Kama, deus do amor, e baixo as súas longas e sedosas pestañas, nas negras pupilas dos seus grandes e límpidos ollos, nadan, como nos lagos sagrados do Himalaia, os máis puros reflexos da luz celestial. Delicados, iguais e brancos, os seus dentes resplandecen entre os seus labios sorrintes como as gotas do orballo na corola entreaberta dunha flor de granado. As súas preciosas orellas de simétricas curvas, as súas mans rosadas, os seus peíños arqueados e tenros como os brotes do loto, brillan co fulgor das perlas máis belas de Ceilán e dos máis belos diamantes de Golconda. A súa fina e delicada cintura, que se pode rodear cunha soa man, realza o elegante arco das súas redondeadas cadeiras e a riqueza do seu busto, no que a xuventude en flor desprega os seus máis perfectos tesouros e, baixo os sedosos pregos da súa túnica, parece ser esculpida en prata pura pola divina man de Vicvacarma, o divino escultor.

Jules Verne
A volta ao mundo en oitenta días, Xerais

COMENTARIO LITERARIO:

+Plano do contido:

TEMA: Auda, unha preciosa princesa de conto.

ARGUMENTO: A descrición da princesa Auda comeza mencionando pormenorizadamente partes da súa espléndida cabeza con referencia especial ao seu rostro. Son a zona ocular e bucal as áreas debuxadas con maior detalle e a continuación baixa a súa atención ás extremidades rematando no torso magnífico da muller.

Personaxes:

O personaxe único é a muller chamada Auda. Unha princesa oriental polas referencias aparecidas no fragmento, chea de beleza e harmonía corporal. Semella un ser perfecto, caracterizado cunha ampla gama de adxectivos e símiles que fermosean aínda máis o que podería ser a súa real fermosura. Por varias alusións textuais resulta ser unha muller nova”a forza de tersura e louzanía”(l.4),”no que a xuventude en flor”(l.19).



Espazo e tempo: O tratamento do espazo e o tempo é irrelevante. Aínda que sustentarían a localización asiática e polo tanto exótica ( ante ollos occidentais) da protagonista varios topónimos e antropónimos presentes no fragmento con esa procedencia.



+Plano da forma:
Caracterizadores relevantes:

O percorrido visual comeza no cabelo da protagonista, menciónase o seu brillo e tipo de peiteado resplandecente, perfectamente dividido en dúas partes…”(l.1-2) o que lle aporta viveza e coidado no aspecto, pásase ao rostro parando nas meixelasdelicadas e brancas, brillantes(l.3-4) con certo interese no detalle pois son o representante da pel no seu conxunto e reflicten a xuventude e frescura da moza. A zona dos ollos é especialmente importante polo detallismo con que se afronta (6 liñas de espazo), o primeiro aspecto anotado son as cellas, cuxo arco e cor son descritas a través de metáforas cheas de forza estética. A continuación as pestanas e os ollos aparecen caracterizados con dobre adxectivación anteposta “longas e sedosas pestanas”, “negras pupilas dos seus grandes e límpidos ollos”(l.6-7).Cun símil ou comparación cheo de altisonancia e hiperbólica intención enfatizadora pecha esta zona facialcomo nos lagos sagrados do Himalaia, os máis puros reflexos da luz celestial”(l.8-9).
“Delicados,iguais e brancos, os seus dentes resplandecen”(l.9-11) así son presentados os seus dentes dunha forma “convencional”, resaltando características positivas inherentes a esta parte da boca. Orellas,pequenos pés”peíños”(l.14) e mans destacan na final sinfonía de exaltación da perfecta beleza da princesa, adxectivación recargada cunha preferencia absoluta pola proclise para enfatizar cada rasgo e destacar a impresionante perfección da princesa. Aparece algún caso de cualificación máis abstracta e conceptual”cellas de ébano”(l.4) e incluso combinada coa adxectivación “as súas preciosas orellas de simétricas curvas”(l.12-13). Os períodos sintácticos prolónganse cheos de elementos caracterizadores que abruman o lector con tan enorme carga expresiva.[véxanse 4 últimas liñas]

Na temporalidade verbal apuntamos o destacado e exclusivo uso do presente de indicativo”enmarca, teñen, nadan, resplandecen”, tempo neutral neste caso moi apropiado neste tipo de textos.

No comments:

Post a Comment